29/7/09

I MERCADIÑO DE TROCO DA RIBEIRA SACRA

O pasado 1 de agosto de 2009 celebrouse o I Mercadiño de Troco da Ribeira Sacra no concello de Sober (Lugo), no lugar de Cadeiras.
Os teléfonos de contacto son: Luisa 678 442 038 / Neus 687 186 620


Ler mais...

28/7/09

COOP57 GALICIA FINANCIA O SEU PRIMEIRO PROXECTO

Coop57 Galicia comeza facer realidade a súa misión, e así o pasado luns 27 de Xullo concedemos o noso primeiro préstamo á cooperativa Milhulloa, logo da análise da documentación achegada pola Solicitante, de termos valorado os criterios de Coop57 para conceder este tipo de operacións e da elaboración dos informes pertinentes por parte da Comisión Técnica e o Consello de Sección. A operación concedida consiste nun préstamo de 22.000,00 € a un prazo de 6 anos e co obxecto de que a Cooperativa solicitante poida refinanciar un préstamo a longo prazo que tiña na actualidade e tamén facer fronte a gastos fixos de funcionamento.

Milhulloa é unha cooperativa de traballo, socia fundadora de Coop57 GZ, con sede na localidade de Palas de Rei, constituida en 2000, con tres socias traballadoras e ten como actividade principal a produción, transformación e comercialización de plantas aromáticas e medicinais, verduras e hortalizas. Esta actividade desenvolvea baixo criterios de produción ecolóxicos supervisados a través do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), do que fai parte.

Desde o Consello da Sección Territorial de Coop57 GZ queremos agradecer o labor de todas as persoas que axudaron a facer posible esta operación, especialmente a Ramón Pascual, coordinador de Coop57, que achegouse o pasado día 15 de Xullo ata Galicia para dinamizar unha xornada formación de carácter técnica co obxecto de achegar información relevante ás Comisións e Consello de Sección para o estudo e resolución das solicitudes de proxectos de financiamento que se soliciten a Coop57 GZ a partir de agora por parte das súas socias de servizos.

Lembrar que, a nivel estatal, Coop57 superou en Outubro de 2008 os 300 proxectos sociais financiados a través da súa oferta de servizos financeiros éticos e solidarios. Así, desde 2005, concedéronse préstamos por valor de máis de 10 millóns de euros a proxectos da economía social e solidaria catalá, vinculados directamente á promoción do cooperativismo, á inserción laboral, a sustentabilidade ecolóxica, a cultura e a educación, ao asociacionismo e aos movementos sociais.

Ler mais...

22/7/09

COOP57 GALICIA - XANEIRO / XUÑO 2009


COOP57 GALICIA COMEZA A ANDAR

Despois de case dous anos de maduración do Proxecto, o pasado 30 de Maio tivo lugar, no Centro Sociocultural do Castiñeiriño en Santiago de Compostela, a Asemblea Constituinte de Coop57 Galicia, promovida por 16 socias de servizos pertencentes ao ámbito asociativo e do cooperativismo de traballo e consumo, e 25 persoas socias colaboradoras. Neste acto, ademais das socias da Sección Territorial, cabe destacar a presenza da representación das demais Seccións Territoriais de Coop57 (Catalunya; Aragón; Madrid e Andalucía). Por último tamén asisten como convidadas outras organizacións do ámbito da economía social e solidaria de Galicia e persoas a título persoal interesadas nesta iniciativa. En total participaron no acto un total de 60 persoas.

Durante o mesmo compre destacar as palabras de felicitación e benvida á nova Sección Territorial por parte das representantes de cada unha das Seccións Territoriais e do Consello Reitor da Cooperativa. Tamén é digna de mención a exposición sobre as orixes e evolución de Coop57, ligada á loita do movemento obreiro e outros movementos sociais alternativos dentro e fóra de Catalunya, que condicionaron o modelo de crecemento horizontal e en rede da Cooperativa. Esta exposición foi realizada por Jordi Puyol e Isabel Moga.

Outro aspecto reseñable da Asemblea é a presentación das organizacións constituíntes da Sección Territorial, que baixo fórmula xurídica cooperativa ou asociativa desenvolven actividades como produción, transformación e consumo de produtos agroecolóxicos; servizos de consultoría-asesoría, formación e divulgación no ámbito da economía social e do mar; investigación social e participación cidadá; educación medioambiental; actividades de tempo libre e organización de eventos; servizos e programación informática; ensino cooperativo; imaxe e comunicación audiovisual.
As motivacións principais destas organizacións para promover Coop57 Galicia descansan na necesidade de dar resposta en Galiza á maior sensibilidade social por parte das organizacións de economía social e da cidadanía a respecto ao uso dos cartos por parte do sistema financeiro convencional, e a construción desde e para a cidadanía e as organizacións de economía social e solidaria, de iniciativas que articulen desde principios democráticos e participativos un emprego máis ético e non capitalista do mesmo, co obxecto de desenvolver unha economía e sociedade máis xusta e solidaria. Neste contexto considérase a Coop57 coma a opción máis axeitada para facer fronte a esta necesidade en Galiza xa que a Cooperativa:
1) é un referente consolidado das finanzas éticas tendo en conta a deficiencia neste senso en Galiza
2) polos principios cooperativos e de finanzas éticas nos que fundamenta a súa acción
3) polo seu modelo organizativo participativo, democrático, e de crecemento en rede e solidariedade interterritorial
4) polas características e natureza dos servizos financeiros que ofrece adaptables ás necesidades dos proxectos a financiar en Galiza
5) pola autonomía de decisión e xestión en GZ sobre os proxectos a financiar
6) por ser garantía de viabilidade da iniciativa en GZ por favorecer a sinerxia de custes de estrutura e facer fronte aos posibles déficits de financiación dos proxectos motivados pola insuficiente captación de aforro en GZ.

Na última parte da Asemblea aprobouse por unanimidade das socias de servizos e socias colaboradoras presentes da Sección Territorial de Galiza a constitución Coop57 Galicia; os contidos dos Estatutos e Regulamento de Réxime Interno da Sección Territorial, e a composición e cargos do Consello e Comisións, que queda coma segue :

Consello de Sección
Presidencia : Ramón Carmelo Rodríguez Padín – Federación de Cooperativas SINERXIA
Secretaría : Mª Mar Pernas Márquez – Unión de Coop. Traballo Asociado UGACOTA
Tesourería : Mª Pilar López Alves de Amorín – Socia Colaboradora
Vogalía 1ª : María Ortega Iñarrea – ARDORA Formación e Servizos, S.Coop.Galega
Vogalía 2ª : Manuel González Garrido – Consumo Consciente ARBORE, S.Coop.Galega
Vogalía 3ª : Miguel Anxo Quinteiro Nuñez – INTERGAL, S.Coop.Galega
Vogalía 4ª : Manuel Rivera Iglesias – Asociación de Economía Social BRIANTE

Comisión Social
Xan Martínez Vázquez – Coop. de Consumo Responsable A XOANIÑA, S.Coop.Galega
Antón Lois Estévez – TEIXUGO, S.Coop.Galega
Rosa Mª Muñíz Castro – CIDADANIA Rede de Aplicacións Sociais, S.Coop.Galega
Mª Jesús Expósito Casal – MILHULLOA, S.Coop.Galega
Mª José Vázquez Ramos – EQUAL, S.Coop.Galega
Eva Gil Rodríguez – Socia Colaboradora
Xosé Mª Torres Bouza – Socio Colaborador

Comisión Técnica
Juan Gómez Cabo – XEDEGA, S.Coop.Galega
Francisco Ferreira Lorenzo – Unión de Coop. Ensino de Traballo Asociado UCETAG
Juan Carlos Laranga Liñares – FUNGO, S.Coop.Galega
Xosé Manuel Vila Fernández – Socio Colaborador
José Luis Vázquez Alvárez – Socio Colaborador

Ademais se elixiron por unanimidade as persoas representantes da Sección Territorial no Consello Rector de Coop57, que son Ramón Carmelo Rodríguez Padín e Miguel Anxo Quinteiro Nuñez.
Finalizada a Asemblea desenvolveuse un animado xantar ao que seguiu, en sesión vespertina, unha reunión do Consello Rector de Coop57, na que se analizou a situación de Coop57 e se prepararon os contidos da Asemblea Xeral da Cooperativa en Zaragoza.


PRIMEIROS PASOS

No primeiro mes de funcionamento de Coop57 Galicia o número de socias colaboradoras chegou a 36 e o capital social achegado polas socias de servizos e socias colaboradoras ascende a 40.000,00 €. Por outra banda, a constitución de Coop57 Galicia tamén espertou o interese dun significativo número de organizacións da economía social galega e dos medios de comunicación tanto alternativos coma convencionais de Galiza, que publicaron información nas súas páxinas e/ou webs sobre a Asemblea Constituínte como realizando entrevistas.
Tamén celebrouse o pasado 12 de Xuño unha Asemblea Extraordinaria en Compostela para definir o posicionamento da Sección Territorial a respecto dos puntos a tratar na Asemblea Ordinaria de Coop57 en Zaragoza e comezar a debater o plan de traballo de Coop57 Galicia para o segundo semestre de 2009 no que se refire a actividades de divulgación e comunicación; captación de socias de servizos e socias colaboradoras; estratexias de análise para novas solicitudes de alta de socias de servizos e proxectos de financiación; e posta en marcha da organización interna da Sección Territorial e coordinación con Coop57.

Ler mais...

CARA UNHA BANCA MAIS ÉTICA - VIGO

O pasado día 30 de xuño María Ortega, Vogal de Coop57 GZ, desenvolveu unha charla sobre Coop57 e a constitución e primeiros pasos de Coop57 Galicia.
Esta actividade enmarcouse dentro dun curso organizado pola Facultade de CC. Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo, no que pretendían aproximar ao alumnado asistente á actividade bancaria baixo criterios de responsabilidade social, desde unha focaxe teórico-práctica.


Asistiron uns 30 alumnos e alumnas que, durante dúas horas, foron protagonistas nun animado coloquio sobre a Cooperativa e o seu papel no ámbito das finanzas éticas e da transformación socioeconómica e ambiental.

Tamén esta actividade foi aproveitada polo alumnado para plantexar cuestións sobre a fórmula cooperativa como alternativa empresarial. A valoración recollida nas enquisas sobre esta conferencia foi moi positiva tanto polo alumnado e o profesorado como pola coordinación do curso.

Ler mais...

I XORNADAS GALEGAS DE ECONOMÍAS ALTERNATIVAS - VIGO

O pasado 27 de Xuño, no Centro Social do Calvario de Vigo, celebráronse estas xornadas, promovidas desde as asociacións e colectivos integrantes na rede de troco e cesión Vigotroca, a saber, Amarante, Arbore, Caleidoskopio, Verdegaia e Centro Social do Calvario.
Estas xornadas pretendían propiciar un contacto entre os grupos e organizacións galegas que traballan para impulsar unha economía ética. Presentáronse iniciativas no ámbito do troco e cesión; de moedas complementarias e finanzas éticas. Entre estas últimas presentouse Coop57 Galicia ante un auditorio de corenta persoas.


A presentación realizada por Ramón Carmelo, versou sobre as orixes de Coop57, os seus principios, a súa estrutura organizativa, as diferenzas coa banca convencional e a súa complementariedade con outras iniciativas de finanzas éticas.
Tamén se expuxo a contextualización da posta en marcha e primeiros pasos dados por Coop57 Galicia.

Cabe destacar tamén como un dos resultados destas xornadas, a realización dunha relación de contactos das organizacións e persoas presentes para intercambiar información de actividades e iniciativas que se desenvolvan e valorar a posibilidade de realizar futuros encontros para afortalar esta rede.

Ler mais...

XORNADAS DE FORMACIÓN CRÍTICA EN EDUCACIÓN AMBIENTAL - PONTEVEDRA

No marco destas Xornadas organizadas por alumnas e alumnos da Facultade de Ciencias da Educación e o Deporte de Pontevedra, o pasado 16 de Abril realizouse unha presentación de Coop57 e do proceso constituínte da Sección Territorial de Galicia.


Dita presentación desenvolveuse co emprego dunha metodoloxía participativa que deu lugar a un animado debate sobre as finanzas éticas e a experiencia de Coop57 contextualizado na situación destas iniciativas en Galicia, e outros territorios de Europa onde existen interesantes experiencias neste ámbito.

O acto estivo dinamizado por Ramón Carmelo e Miguel Quinteiro en representación do Grupo Promotor de Coop57 Galiza, e contou coa presenza dunha vintena de persoas que se amosaron moi interesadas na temática e en coñeceren Coop57.

Ler mais...