27/11/10

Coop57, seleccionado como boa práctica por REAS

REAS recolle en 56 curtas, 56 experiéncias socialmente positivas da economia solidária

A experiéncia social e económica de Coop57 ten sido seleccionada nunha iniciativa audiovisual promovida desde REAS (Red de Economia Alternativa y Solidaria) para visualizar as boas prácticas que implementa o sector da economia solidária. O proxecto consta de 56 curtas que sintetizan 56 experiéncias socialmente positivas que demostran que existen formas alternativas -éticas e solidárias- de traballar, de producir, de consumir ou de aforrar. Criamos a ligazón ao vídeo que resume a aposta e proxecto de Coop57. Podedes atopar todas as curtas na canle de vídeos de REAS en Youtube. Paga a pena.


Ler mais...

9/6/10

Encontro de Mercado Social e Economía Solidaria de GZ

Tamén o sábado 12 de Xuño, a partir das 17 horas, no Centro Sociocultural de Fontiñas de Compostela, celebrarase esta actividade promovida polas sócias de Coop57 GZ, AES Briante e Intergal, e co apoio de Coop57 GZ.

Preténdese realizar un primeiro achegamento a REAS como experiéncia de Mercado Social no Reino de España; debater a necesidade de conformar e consolidar unha estratexia de mercado social e economía solidaria en GZ e concretar unha programación de actividades neste senso en GZ para o que fica de ano.

Poden participar nesta actividade organizacións de economía solidaria como cooperativas; asociacións; empresas inserción e movementos sociais e cidadáns interesados nesta temática.

Para máis información desta actividade preme aquí.

Ler mais...

Asemblea Xeral de Coop57 Galicia

O próximo sábado, 12 de Xuño, a partir das 10 horas, celebrarase no Centro Sociocultural de Fontiñas (r / Berlín,13) de Compostela, unha reunión da Asemblea Xeral de Coop57 GZ, para facer balance do traballo realizado desde o mes de Xaneiro; concretar a programación dos próximos meses e aprobar contidos a tratar na Asemblea Xeral da Cooperativa do próximo 29 de Xuño en Madrid.

Ao remate da actividade celebrarase un xantar conmemorativo do primeiro aniversário da constitución de Coop57 GZ.

Para máis información da convocatoria desta actividade, preme aquí.

Ler mais...

21/5/10

Acto de presentación en Vigo de Coop57 e Fiare

Proxectos de finanzas éticas en Galiza

As seccións galegas de Coop57 e Fiare van desenvolver un acto de presentación en Vigo, que terá lugar o día 25 de Maio ás 19:30 horas no antigo reitorado do Areal, rúa Oporto nº 1.
Gustaríanos contar coa vosa asistencia para que coñezades directamente e participedes destes proxectos de economía ética e solidaria que empezan a estar solidamente asentados xa no noso país.
Invitámosvos a ampliar a información sobre Coop57 e Fiare, os seus proxectos e a súa traxectoria a través de
Coop57 : http://www.coop57.coop e http://coop57galicia.blogspot.com/
Fiare : www.proyectofiare.com e http://opeto.org/paxina/asociaci%C3%B3n-fiare-gz

Para máis información sobre esta actividade podedes contactar con Andrés Sanmartín ou Nuria González Rodríguez no teléfono 986 866 149 ou no enderezo electrónico info@ucetag.org
Agardando a vosa asistencia e agradecendo o voso interese, recibide un saúdo. 

Outra economía é posible

Ler mais...

17/4/10

Coop57: raíz, tecido e rede

Raíz.
De raíz nacida en semente fértil, que medrou tras décadas de compromiso e loita das xeracións que nos precederon nivelando o longo camiño cara á xustiza social e a democracia económica. Arraigamento de memoria que nos di de onde vimos e fainos intuir cara onde imos. Memoria cooperativa cargada de futuro: de saber que non somos as primeiras, nin seremos nunca as últimas, en intentar transformar as cousas. Raíz que murmura que non é o momento de desfalecer nin de desertar nin de desistir. Senón de todo o contrario: hora de insistir. De insistir desde o callo. 

Tecido.
Polo entrelazado de sólidas complicidades sociais nacidas hai dúas décadas, mediante vínculos colectivos e comunitarios, esforzados e reforzados, e a través dunha decidida aposta pola cooperación social como mellor fórmula para superar as desigualdades sociais e avanzar cara novos modelos económicos. Aquí e en todo o mundo. 

Rede.
Malla de solidariedades recíprocas, de alpendres de apoios mútuos e de entretecida sinceridade compartida de querer e poder mudar as cousas. Rede de redes: tecedoras de fios e nobelos que alimentan a cadea solidaria das finanzas éticas e alternativas, da economía solidaria post-capitalista, do mercado social, do futuro xusto por vir. 

Raíz, tecido e rede. Así é Coop57. Porque, agora e aquí, xa somos 278 cooperativas, empresas de inserción, asociacións civís e colectivos populares que xa están facendo do hoxe o mañá. Rede real de tecidos entrelazados, con teimuda vontade, case 1.000 persoas que tamén fan posíbel Coop57. Cidadáns e cidadás de pleno dereito que optaron, conscientemente, por orientar o aforro cara a transformación social, por desobedecer un sistema financeiro perverso e por poñer ao diñeiro a traballar pola solidariedade.
Demostrando máis unha vez, fronte ao ano da crise que foi 2009 –con cinco millóns de persoas no paro e uns beneficios bancarios de 18.000 millóns de euros–, a capacidade e potencialidade social de responder ao colapso económico desde parámetros solidarios, inclusivos e esperanzadores. Coop57, no 2009 e en condicións adversas xerais, superouse: 43 novas entidades socias e 6,2 millons en achegas sociais voluntarias. 4,5 millons de euros en créditos, máis 800.000 euros na xenuína xestión da emisión de títulos participativos. Desde 2003, 16 millóns de euros destinados a 400 proxectos sociais; autofinanciados desde a vitalidade do tecido social, a virtualidade do traballo na rede e as vicisitudes propias da autoxestión forxada no cooperativismo. En base a un proceso de autonomía, autoorganización e determinación social para construir a nosa casa común.

Primeiro dixemos ‘Non no noso nome’, para rematarmos chegando ao ‘Non cos nosos cartos”. Iso é hoxe Coop57: o gran de area achegado por todas e todos, por un tempo de vida fóra do capitalismo, a todos aqueles que negan sempre que as cousas poden ser radicalmente diferentes e democráticas.
Porque se a economía é hoxe un territorio en disputa, onde se confrontan modelos socioeconómicos antagónicos, esta quere ser a nosa modesta achega teórica e, sobre todo, práctica: que outras finanzas solidarias son posíbeis. Despois de todo, non haberá outro mundo posíbel se antes non hai outra economía necesaria. Contra o seu mundo imposíbel, fronte ás finanzas da ludopatía dunha economía fraudulenta e afrontando os días de fraude e fracaso absoluto da economía de casino, parafraseamos ao valenciano Joan Fuster: a economía ou a facemos nós, ou será feita contra nós. E contra a maioría excluída e empobrecida do planeta.

Que ben cedo, mañá sexa mañá. Facendo sementeira de futuro en tempos difíciles. Con pedagoxía e conciencia. Desde a raíz, o tronco e o froito: o tecido e a rede que acrecenta o traballo común cara a eu-topía, o si-lugar onde caberemos todas e todos. No entanto, tomando a humilde decisión de non retroceder. Non temos nin un só motivo para facelo. Porque vimos de lonxe. E imos moito máis lonxe aínda. 

Non haberá outro mundo posible se antes non hai outra economía necesaria
A economía ou a facemos nós, ou será feita contra nós

Ler mais...

30/3/10

Boletín Informativo de Coop57

Coop57, Marzo de 2010


Apreciados socios e socias de Coop57-Galicia,

Compráceme facervos chegar o boletín número 17 correspondente ao segundo semestre de 2009. Atoparedes unha editorial que reflexiona encol a experiencia de Coop57, os obxectivos acadados durante o ano da crise que ten sido 2009 e os pasos que damos entre todas e todos para construirmos novos paradigmas socioeconómicos. Coma sempre, tamén encontraredes as informacións verbo a Coop57-Galicia.

Inclúense tamén as informacións a respecto de todas as seccións territoriais da Cooperativa, xunto ás novas entidades socias e os créditos sociais aprobados nos últimos seis meses á economía social e solidaria. As habituais gráficas de evolución económica e o detalle das accións de sensibilización onde temos feito parte fechan o presente boletín.

Con esta carta aproveito para  vos comunicar que -logo de moitos anos, por mor da miña xubilación e dos acordos tomados na última Asemblea-, paso a testemuña na presidencia de Coop57 a Fernando Cid, da cooperativa Mol-Maltric. Substitución xeracional que é en si a mellor nova. Folga dicir que seguirei comprometido, activo e arraigado a Coop57. No entanto, apenas podo aproveitar para vos agradecer todo o tempo compartido, a confianza recibida e todas e cada unha das leccións aprendidas. Nesta casa común que é Coop57, seguimos a vivir cada día como se fora o primeiro e cada noite como se fora a derradeira, no intento por mudar as cousas.

Grazas por face-lo posíbel e continuar ancheando a esperanza. Seguiremos a aprender.

Atentamente, unha aperta
Jordi Pujol i Moix
President Coop57

Ler mais...

24/3/10

XORNADAS SOBRE ALTERNATIVAS Á CRISE DO CAPITALISMO NO CARBALLIÑO

Promovidas polos centros educativos IES Nº1; IES Chamoso Lamas; CEIP Calvo Sotelo e CPI Maside, celébranse na vila d’O Carballiño estas Xornadas do 23 ao 26 de Marzo.

Nas mesmas realizarase unha diagnose da crise capitalista e visibilizaranse diversas temáticas e experiencias alternativas desde o ámbito do consumo responsábel e o decrecemento; o ámbito da política municipal; a autoxestión obreira; e as finanzas éticas.
Os formatos elixidos para a focaxe destes contidos consistirán na realización de palestras; proxeccións documentais; unha exposición e unha festa poético – musical.

Colaboran coas entidades organizadoras o Café Cultural 7 Flores; a Asociación para un Interese Solidario O Peto; a Asociación Verdegaia; a Asociación Fiare Galiza; a Cooperativa de Servizos Eticos e Solidarios Coop57; a Asociación Ecoloxistas en Acción; e os concellos de Teo e O Carballiño.

Para máis información da programación desta actividade premer aquí.

Ler mais...

21/2/10

CELEBRACION DAS XORNADAS GALEGAS DE SOBERANIA ALIMENTARIA

Os días 27 e 28 de Febreiro celebraranse en Santiago de Compostela as Xornadas Galegas de Soberanía Alimentar, organizadas pola ISAP (Iniciativa pola Soberanía Alimentar dos Pobos) con financiamento da Cooperación Galega. Será no Salón de Actos da Faculdade de Filosofía da USC, situada na Praza de Mazarelos. Nesta Praza, ademais, haberá unha Feira pola Soberanía Alimentar o Domingo 28 de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.

Para unha mellor organización das Xornadas prégase confirmación de asistencia en info@sobreaniaalimentar.info.

Tamén se pode alargar a información no web http://www.soberaniaalimentar.info/node/549

Ler mais...

CELEBRACION DAS IV XORNADAS DE AGROECOLOXIA DE OURENSE

Entre o 20 e o 27 de Febereiro celebraranse en Ourense as IV Xornadas de Agroecoloxía, coorganizadas por Semente; Amarante; Amigos da Terra; A Esmorga e Verdegaia. Entre os obxectivos das mesmas preténdese, máis unha edición, visibilizar a Agroecoloxía como ferramenta de amplo poder transformador no ámbito da produción local e consumo responsábel potenciando as relacións sociais directas e de confianza entre produtoras e consumidoras.

Para máis información pódese descargar o programa aquí e tamén visitar o web www.agrourense.info

image

Ler mais...

CONVITE Á FESTA TERCEIRO ANIVERSARIO DE COOP57 MADRID

Estamos no terceiro aniversario da constitución de Coop57 en Madrid e temos moito que celebrarmos. Podémosnos sentir orgullosos e orgullosas de termos acadado que un útil financeiro coma este, sexa unha realidade en Madrid.

O próximo sábado, 27 de Febereiro, celebramos estes tres anos de funcionamento da Sección de Coop57 en Madrid. Como entidade socia convidámoste desde o Consello Reitor a comunicar os logros destes anos de traballo, así como a difundir a celebración desta festa para acadar unha ampla participación na mesma.
Queremos celebra-lo con todas as persoas e entidades que confiaron no Proxecto e tamén coas que o farán no futuro. A festa constará dunha apresentación do Proxecto; un sorteo de produtos de comercio xusto; boa música e espectáculo.
¡¡¡ Non o perdas ¡¡¡ Vente con amigas e amigos e axúdanos a difundir Coop57.
O lugar de celebración será a Sala Ya’sta na rúa Valverde, 10 de Madrid a partir das 20.30 horas. O prezo da entrada será de 4 € até completar cabida.

En Coop57 sabemos onde vai o noso diñeiro.

En Coop57 decidimos onde vai o noso diñeiro.

Outra economía máis xusta é posíbel : Ti e a túa entidade estades a ser protagonistas delo
Aquelas socias de Coop57 GZ interesadas en asistir pregamos confirmación á maior brevidade posíbel a través de galicia@coop57.coop para informarmos ás compañeiras de Coop57 Madrid, e organizarmos a viaxe.

Ler mais...

20/1/10

PRESENTACION DE COOP57 EN LALIN

Na liña de dar a coñecer Coop57 en GZ e dentro da programación do primeiro trimestre de 2010 do Colectivo Cultural Tarabela de Lalin (www.tarabela.org), o próximo 30 de Xaneiro a partir das 18 horas realizarase unha presentación de Coop57 na devandita localidade. A palestra de presentación será realizada por Marité Vázquez, representante da cooperativa Equal (www.centroequal.com) en Coop57 GZ.

As persoas que desexedes máis información sobre esta e outras actividades de Tarabela podedes descargar aquí a programación trimestral e tamén contactar a través do correo-e contacto@tarabela.org .

Esta nova foi achegada polo socio colaborador de Coop57 GZ Suso Rivas.

Ler mais...

15/1/10

CONSTITUCION E ROLDA DE PRENSA DE FIARE GZ – BANCA ETICA

O proxecto de Banca Ética Fiare funciona xa con delegacións en distintos lugares do Estado e o vindeiro sábado 16 de Xaneiro celebrarase a Constitución da Sección Territorial Galega de Fiare. Entre os membros fundadores de Fiare Galiza atópanse asociacións como: AIS O Peto, Arela, Amarante, Verdegaia, Adega, Altermundo, SLG, Panxea, Colexio La Salle, CONGD´s....  O acto de constitución terá lugar en La Salle de Santiago de Compostela, rúa San Roque, 6 ás 10:00 da mañá.

O proxecto Fiare parte dun diagnóstico concreto: as nosas sociedades son inxustas. É desde a indignación que produce esa inxustiza desde a que xorden os dinamismos para desenvolvelo. Dentro das múltiples e complexas  facetas que debullan esta estrutura de desigualdade e exclusión, o sistema bancario é o piar sobre o que Fiare se propón actuar, construindo unha realidade alternativa. Fiare nace, xa que logo, como un proxecto de sistema de banca ética que se constitúa en alternativa elixíbel pola cidadanía e que actúe significativamente pola transformación do sistema financieiro e cunha característica fundamental (entre outras): o seu funcionamento está en mans dos movementos sociais.

ROLDA DE PRENSA
Ás 12:45 celebrarase unha rolda de prensa á que se convida a todos os medios de comunicación na galería Sargadelos de Santiago de Compostela:
  • Día: sábado 16 de Xaneiro
  • Hora: 12:45 do mediodía
  • Lugar: Galería Sargadelos de Santiago de Compostela
  • Convoca: Fiare Galiza
  • Contido: Presentación da constitución da sección territorial galega de Fiare
  • Asisten: Membros de Fiare Galiza e Peru Sasía (director do proxecto Fiare a nível estatal)

A estas actividades foi convidada e participará, entre outras organizacións, a Sección Territorial de GZ de Coop57.
Para máis información sobre Fiare e Fiare GZ podedes visitar a sección de ligazóns deste Blogue, da devandita organización e de AIS O Peto.
Pontevedra, 14 de Xaneiro de 2010
Fontes da nova : Fiare GZ / Coop57 GZ

Ler mais...

13/1/10

ACTUALIZACION DO ENCONTRO DE COOP57 CO BANCO COOPERATIVO SUECO JAK

Co obxecto de actualizar a nova publicada no Blogue o pasado 23 de Decembro, xuntamos a presentación realizada pola compañeira Núria Albert do Banco Cooperativo Sueco JAK, o pasado 4 de Xaneiro en Barcelona ante unha representación de Coop57. A devandita presentación podede-la descargar aquí.

Entre os resultados do encontro abrese a posibilidade de poder realizar unha visita a Suecia para visitar as súas instalacións centrais. Tamén a posíbel realización dun seminario organizado por JAK para persoas de fóra da Suecia.

Tamén achegamos un enderezo dun grupo de correo sobre JAK por se é do voso interese participar.
O devandito enderezo é http://groups.google.es/group/bancalibredeintereses

Ler mais...