17/4/10

Coop57: raíz, tecido e rede

Raíz.
De raíz nacida en semente fértil, que medrou tras décadas de compromiso e loita das xeracións que nos precederon nivelando o longo camiño cara á xustiza social e a democracia económica. Arraigamento de memoria que nos di de onde vimos e fainos intuir cara onde imos. Memoria cooperativa cargada de futuro: de saber que non somos as primeiras, nin seremos nunca as últimas, en intentar transformar as cousas. Raíz que murmura que non é o momento de desfalecer nin de desertar nin de desistir. Senón de todo o contrario: hora de insistir. De insistir desde o callo. 

Tecido.
Polo entrelazado de sólidas complicidades sociais nacidas hai dúas décadas, mediante vínculos colectivos e comunitarios, esforzados e reforzados, e a través dunha decidida aposta pola cooperación social como mellor fórmula para superar as desigualdades sociais e avanzar cara novos modelos económicos. Aquí e en todo o mundo. 

Rede.
Malla de solidariedades recíprocas, de alpendres de apoios mútuos e de entretecida sinceridade compartida de querer e poder mudar as cousas. Rede de redes: tecedoras de fios e nobelos que alimentan a cadea solidaria das finanzas éticas e alternativas, da economía solidaria post-capitalista, do mercado social, do futuro xusto por vir. 

Raíz, tecido e rede. Así é Coop57. Porque, agora e aquí, xa somos 278 cooperativas, empresas de inserción, asociacións civís e colectivos populares que xa están facendo do hoxe o mañá. Rede real de tecidos entrelazados, con teimuda vontade, case 1.000 persoas que tamén fan posíbel Coop57. Cidadáns e cidadás de pleno dereito que optaron, conscientemente, por orientar o aforro cara a transformación social, por desobedecer un sistema financeiro perverso e por poñer ao diñeiro a traballar pola solidariedade.
Demostrando máis unha vez, fronte ao ano da crise que foi 2009 –con cinco millóns de persoas no paro e uns beneficios bancarios de 18.000 millóns de euros–, a capacidade e potencialidade social de responder ao colapso económico desde parámetros solidarios, inclusivos e esperanzadores. Coop57, no 2009 e en condicións adversas xerais, superouse: 43 novas entidades socias e 6,2 millons en achegas sociais voluntarias. 4,5 millons de euros en créditos, máis 800.000 euros na xenuína xestión da emisión de títulos participativos. Desde 2003, 16 millóns de euros destinados a 400 proxectos sociais; autofinanciados desde a vitalidade do tecido social, a virtualidade do traballo na rede e as vicisitudes propias da autoxestión forxada no cooperativismo. En base a un proceso de autonomía, autoorganización e determinación social para construir a nosa casa común.

Primeiro dixemos ‘Non no noso nome’, para rematarmos chegando ao ‘Non cos nosos cartos”. Iso é hoxe Coop57: o gran de area achegado por todas e todos, por un tempo de vida fóra do capitalismo, a todos aqueles que negan sempre que as cousas poden ser radicalmente diferentes e democráticas.
Porque se a economía é hoxe un territorio en disputa, onde se confrontan modelos socioeconómicos antagónicos, esta quere ser a nosa modesta achega teórica e, sobre todo, práctica: que outras finanzas solidarias son posíbeis. Despois de todo, non haberá outro mundo posíbel se antes non hai outra economía necesaria. Contra o seu mundo imposíbel, fronte ás finanzas da ludopatía dunha economía fraudulenta e afrontando os días de fraude e fracaso absoluto da economía de casino, parafraseamos ao valenciano Joan Fuster: a economía ou a facemos nós, ou será feita contra nós. E contra a maioría excluída e empobrecida do planeta.

Que ben cedo, mañá sexa mañá. Facendo sementeira de futuro en tempos difíciles. Con pedagoxía e conciencia. Desde a raíz, o tronco e o froito: o tecido e a rede que acrecenta o traballo común cara a eu-topía, o si-lugar onde caberemos todas e todos. No entanto, tomando a humilde decisión de non retroceder. Non temos nin un só motivo para facelo. Porque vimos de lonxe. E imos moito máis lonxe aínda. 

Non haberá outro mundo posible se antes non hai outra economía necesaria
A economía ou a facemos nós, ou será feita contra nós

Ler mais...