19/12/09

II XORNADAS DE CONSUMO RESPONSABEL EN SALCEDA DE CASELAS

Os próximos 19 e 20 de Decembro, celebraranse as II Xornadas de Consumo Responsábel no municipio de Salceda de Caselas, promovidas pola Asociación Cultural, Deportiva e Ecoloxista Treze Catorce e a Asociación para a Cooperación dos Concellos do Rural. A programación das Xornadas combinará actividades lúdicas como obradoiros e actuacións musicais; unha mostra de produtos ecolóxicos e comercio xusto; e a organización de palestras, exposicións e proxeccións documentais arredor da agroecoloxía; o consumo responsábel; o téxtil; e os ecosistemas.

Unha das palestras xirará arredor das finanzas éticas como alternativa á banca capitalista e que a desenvolverá a responsábel de Educación de Amarante e socia colaboradora de Coop57 GZ, Eva Gil, o próximo 19 de Decembro a partir das 17 horas. Outras organizacións que colaboran nestas Xornadas son o Grupo Micolóxico Galego; a Asociación Caleidoskopio; o Sindicato Labrego Galego; a asociación ecolóxista Adega e Ecocelta.

A Xornadas desenvolveranse na Praza do Concello de Salceda de Caselas a partir das 11 horas.
Con antelación ás Xornadas realizaranse proxeccións documentais do 14 ao 17 de Decembro a partir das 20 e 22 horas sobre temática ambiental e solidaria.

Para máis información contactar con José Piñeiro no correo-e pinheirodepiconha@gmail.com

0 Comentarios. Deixa o teu.:

Publicar un comentario