30/10/09

Coop57 Galicia aproba duas novas operacións de financiamento ético e solidario

Coop57 Galicia aprobou durante o mes de Outubro duas novas operacións de financiamento ético e solidario coas cooperativas Arbore e Intergal, socias fundadoras da Sección Territorial. As devanditas operacións consistiron en préstamos en concepto de anticipo de subvencións da Xunta de Galiza por importe total de 13.000,00 € a un prazo entre catro e cinco meses. No caso de Intergal, a devandita operación, por importe de 7.000,00 € pretende cofinanciar os gastos correspondentes a un estudo estratéxico do sector de desenvolvemento e consultoría de aplicacións informáticas. Pola súa parte, Arbore solicitou a operación por un total de 6.000,00 €, para facer fronte aos gastos de actividades de fomento do cooperativismo e de implantación de tecnoloxías da información e as comunicacións.

Arbore é unha cooperativa de consumo responsábel, pioneira en Galiza no ámbito da alimentación agroecolóxica e de produtos para o fogar. Constituida en 2001 e con sede en Vigo, conta nesta altura cun total de 286 socias consumidoras. Para alén da subministración de produtos, desenvolve un importante traballo de difusión e concienciación social nos ámbitos da economía social e solidaria, e do consumo responsábel e o comercio xusto.

Intergal é unha cooperativa de traballo, constituida en 1999 e con sede en Vigo. Asocia a un total de cinco socios e socias traballadoras, que realizan a súa actividade no ámbito dos servizos integrais de novas tecnoloxías e internet. A Cooperativa está especializada na integración de vellas aplicacións nas novas tecnoloxías, en ferramentas para xerar programas e aplicacións e-business, na explotación remota de aplicacións (ASP) e no aloxamento e servizos de desenvolvemento para empresas e usuarios a través de internet.

Coop57 Galiza desde a súa constitución o pasado mes de Maio, ten aprobado tres proxectos de financiamento ético e solidario por un montante total de 35.000,00 €. Neste altura asocia a 16 organizacións da economía social e solidaria e 40 socios e socias colaboradoras que achegan á Sección Territorial un total de 43.800,00 €.

0 Comentarios. Deixa o teu.:

Publicar un comentario