Carmelo Rodríguez, voceiro de Coop57 Galicia: “Nin banco, nin caixa; somos un modelo ‘parabancario”
Carmelo Rodríguez é voceiro de Coop 57 Galicia, unha cooperativa de servizos financeiros éticos e solidarios integrada por 16 entidades.
Como naceu o proxecto de Coop 57 en Galicia?
O proceso de formación vén xa de hai dous anos, cando unha serie de organizacións do cooperativismo de traballo e do ámbito do consumo responsable e ético decidimos promover un proxecto de finanzas éticas. Decatámonos de que había unha parte da cidadanía interesada en destinar os seus cartos a proxectos coherentes cos seus principios éticos e que tiñan unha visión semellante da xestión do diñeiro.
Por que o modelo Coop?
Barallamos varias alternativas, principalmente Coop 57 e o modelo Fiare. Decantámonos por Coop porque consideramos que era a experiencia máis consolidada á hora de financiar proxectos da economía social.
Coop 57 naceu en Cataluña, pero o proxecto galego é independente, non si?
Coop 57 apoia o seu modelo naqueles territorios onde hai tecido social interesado en crear unha sección territorial. Apóiao, pero non fai como unha empresa, que pensa en que hai mercado nun lugar e monta unha sucursal, senón que deixa liberdade. Digamos que presta a idea e logo cada territorio ten autonomía para decidir que entidades entran no proxecto, así como para determinar o que financia. A única condición que nos marcan é unha oferta común de produtos financeiros e o tipo de xuro ao que temos que prestar o diñeiro ou pagarlle aos socios aforradores.
Cal é a oferta de servizos financeiros de Coop 57?
Pois vai desde produtos para mellorar a liquidez, adiantos de subvencións ou inxección de circulante normal. Tamén traballamos préstamos a longo prazo e estamos experimentando títulos e créditos participativos.
Podemos denominar banco a Coop 57?
Non, non é estritamente un banco nin unha caixa de aforros, nin unha cooperativa de crédito, senón unha cooperativa de servizos financeiros que non precisa da licenza do Banco de España para operar, o que lle dá liberdade para xestionar as financiacións e tamén á hora de marcar o prezo do diñeiro e a oferta de servizos. Son as entidades socias as que reciben e solicitan os servizos financeiros da cooperativa baseándose nuns principios básicos e tendo en conta que todos eles participan directamente na xestión e na toma de decisións, con independencia do capital que teñan.
Un modelo peculiar...
Un modelo parabancario no que os socios aforradores reciben un xuro, pero no que non poden domiciliar a nómina nin pedir un préstamo.
Aspiran a lograr tamén iso?
Para ese modelo está Fiare, que ten a idea de crear unha cooperativa de crédito que funcione baixo principios éticos. Nós colaboramos para poñer en marcha isto nun prazo de dous-tres anos. Así, Coop tamén podería facer fronte a proxectos máis ambiciosos, ademais de que Fiare ofrecería outros servizos que nós non temos. Somos modelos complementarios e compatibles, e o feito de crear esta entidade de banca ética non significará a desaparición de Coop 57; seguiremos funcionando, pero a un nivel micro.
Que opina do modelo Triodos?
Triodos é un banco convencional que viu un nicho de mercado de xente que traballa no tipo de proxectos que eles financian. É moi diferente ao resto porque é un modelo vertical de funcionamento e de crecemento, o que non quere dicir que non sexa unha boa experiencia. Ser cliente de Triodos non che dá dereito a participar nin a decidir como se xestionan os cartos, aínda que si se che asegura un comportamento ético.
Contan con 16 entidades, aspiran a moitas máis?
Aspiramos, pero pouco a pouco. Para este ano marcámonos o obxectivo de incluír tres colectivos máis. Xa financiamos o primeiro proxecto, pero temos que coller callo.
0 Comentarios. Deixa o teu.:
Publicar un comentario