Despois de case dous anos de maduración do Proxecto, o pasado 30 de Maio tivo lugar, no Centro Sociocultural do Castiñeiriño en Santiago de Compostela, a Asemblea Constituinte de Coop57 Galicia, promovida por 16 socias de servizos pertencentes ao ámbito asociativo e do cooperativismo de traballo e consumo, e 25 persoas socias colaboradoras. Neste acto, ademais das socias da Sección Territorial, cabe destacar a presenza da representación das demais Seccións Territoriais de Coop57 (Catalunya; Aragón; Madrid e Andalucía). Por último tamén asisten como convidadas outras organizacións do ámbito da economía social e solidaria de Galicia e persoas a título persoal interesadas nesta iniciativa. En total participaron no acto un total de 60 persoas.
Durante o mesmo compre destacar as palabras de felicitación e benvida á nova Sección Territorial por parte das representantes de cada unha das Seccións Territoriais e do Consello Reitor da Cooperativa. Tamén é digna de mención a exposición sobre as orixes e evolución de Coop57, ligada á loita do movemento obreiro e outros movementos sociais alternativos dentro e fóra de Catalunya, que condicionaron o modelo de crecemento horizontal e en rede da Cooperativa. Esta exposición foi realizada por Jordi Puyol e Isabel Moga.
Outro aspecto reseñable da Asemblea é a presentación das organizacións constituíntes da Sección Territorial, que baixo fórmula xurídica cooperativa ou asociativa desenvolven actividades como produción, transformación e consumo de produtos agroecolóxicos; servizos de consultoría-asesoría, formación e divulgación no ámbito da economía social e do mar; investigación social e participación cidadá; educación medioambiental; actividades de tempo libre e organización de eventos; servizos e programación informática; ensino cooperativo; imaxe e comunicación audiovisual.
As motivacións principais destas organizacións para promover Coop57 Galicia descansan na necesidade de dar resposta en Galiza á maior sensibilidade social por parte das organizacións de economía social e da cidadanía a respecto ao uso dos cartos por parte do sistema financeiro convencional, e a construción desde e para a cidadanía e as organizacións de economía social e solidaria, de iniciativas que articulen desde principios democráticos e participativos un emprego máis ético e non capitalista do mesmo, co obxecto de desenvolver unha economía e sociedade máis xusta e solidaria. Neste contexto considérase a Coop57 coma a opción máis axeitada para facer fronte a esta necesidade en Galiza xa que a Cooperativa:
1) é un referente consolidado das finanzas éticas tendo en conta a deficiencia neste senso en Galiza2) polos principios cooperativos e de finanzas éticas nos que fundamenta a súa acción
3) polo seu modelo organizativo participativo, democrático, e de crecemento en rede e solidariedade interterritorial
4) polas características e natureza dos servizos financeiros que ofrece adaptables ás necesidades dos proxectos a financiar en Galiza
5) pola autonomía de decisión e xestión en GZ sobre os proxectos a financiar
6) por ser garantía de viabilidade da iniciativa en GZ por favorecer a sinerxia de custes de estrutura e facer fronte aos posibles déficits de financiación dos proxectos motivados pola insuficiente captación de aforro en GZ.
Na última parte da Asemblea aprobouse por unanimidade das socias de servizos e socias colaboradoras presentes da Sección Territorial de Galiza a constitución Coop57 Galicia; os contidos dos Estatutos e Regulamento de Réxime Interno da Sección Territorial, e a composición e cargos do Consello e Comisións, que queda coma segue :
Consello de Sección
Presidencia : Ramón Carmelo Rodríguez Padín – Federación de Cooperativas SINERXIA
Secretaría : Mª Mar Pernas Márquez – Unión de Coop. Traballo Asociado UGACOTA
Tesourería : Mª Pilar López Alves de Amorín – Socia Colaboradora
Vogalía 1ª : María Ortega Iñarrea – ARDORA Formación e Servizos, S.Coop.Galega
Vogalía 2ª : Manuel González Garrido – Consumo Consciente ARBORE, S.Coop.Galega
Vogalía 3ª : Miguel Anxo Quinteiro Nuñez – INTERGAL, S.Coop.Galega
Vogalía 4ª : Manuel Rivera Iglesias – Asociación de Economía Social BRIANTE
Comisión Social
Xan Martínez Vázquez – Coop. de Consumo Responsable A XOANIÑA, S.Coop.Galega
Antón Lois Estévez – TEIXUGO, S.Coop.Galega
Rosa Mª Muñíz Castro – CIDADANIA Rede de Aplicacións Sociais, S.Coop.Galega
Mª Jesús Expósito Casal – MILHULLOA, S.Coop.Galega
Mª José Vázquez Ramos – EQUAL, S.Coop.Galega
Eva Gil Rodríguez – Socia Colaboradora
Xosé Mª Torres Bouza – Socio Colaborador
Comisión Técnica
Juan Gómez Cabo – XEDEGA, S.Coop.Galega
Francisco Ferreira Lorenzo – Unión de Coop. Ensino de Traballo Asociado UCETAG
Juan Carlos Laranga Liñares – FUNGO, S.Coop.Galega
Xosé Manuel Vila Fernández – Socio Colaborador
José Luis Vázquez Alvárez – Socio Colaborador
Ademais se elixiron por unanimidade as persoas representantes da Sección Territorial no Consello Rector de Coop57, que son Ramón Carmelo Rodríguez Padín e Miguel Anxo Quinteiro Nuñez.
Finalizada a Asemblea desenvolveuse un animado xantar ao que seguiu, en sesión vespertina, unha reunión do Consello Rector de Coop57, na que se analizou a situación de Coop57 e se prepararon os contidos da Asemblea Xeral da Cooperativa en Zaragoza.
PRIMEIROS PASOS
No primeiro mes de funcionamento de Coop57 Galicia o número de socias colaboradoras chegou a 36 e o capital social achegado polas socias de servizos e socias colaboradoras ascende a 40.000,00 €. Por outra banda, a constitución de Coop57 Galicia tamén espertou o interese dun significativo número de organizacións da economía social galega e dos medios de comunicación tanto alternativos coma convencionais de Galiza, que publicaron información nas súas páxinas e/ou webs sobre a Asemblea Constituínte como realizando entrevistas.
Tamén celebrouse o pasado 12 de Xuño unha Asemblea Extraordinaria en Compostela para definir o posicionamento da Sección Territorial a respecto dos puntos a tratar na Asemblea Ordinaria de Coop57 en Zaragoza e comezar a debater o plan de traballo de Coop57 Galicia para o segundo semestre de 2009 no que se refire a actividades de divulgación e comunicación; captación de socias de servizos e socias colaboradoras; estratexias de análise para novas solicitudes de alta de socias de servizos e proxectos de financiación; e posta en marcha da organización interna da Sección Territorial e coordinación con Coop57.
0 Comentarios. Deixa o teu.:
Publicar un comentario