Coop57 Galicia comeza facer realidade a súa misión, e así o pasado luns 27 de Xullo concedemos o noso primeiro préstamo á cooperativa Milhulloa, logo da análise da documentación achegada pola Solicitante, de termos valorado os criterios de Coop57 para conceder este tipo de operacións e da elaboración dos informes pertinentes por parte da Comisión Técnica e o Consello de Sección. A operación concedida consiste nun préstamo de 22.000,00 € a un prazo de 6 anos e co obxecto de que a Cooperativa solicitante poida refinanciar un préstamo a longo prazo que tiña na actualidade e tamén facer fronte a gastos fixos de funcionamento.
Milhulloa é unha cooperativa de traballo, socia fundadora de Coop57 GZ, con sede na localidade de Palas de Rei, constituida en 2000, con tres socias traballadoras e ten como actividade principal a produción, transformación e comercialización de plantas aromáticas e medicinais, verduras e hortalizas. Esta actividade desenvolvea baixo criterios de produción ecolóxicos supervisados a través do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), do que fai parte.
Desde o Consello da Sección Territorial de Coop57 GZ queremos agradecer o labor de todas as persoas que axudaron a facer posible esta operación, especialmente a Ramón Pascual, coordinador de Coop57, que achegouse o pasado día 15 de Xullo ata Galicia para dinamizar unha xornada formación de carácter técnica co obxecto de achegar información relevante ás Comisións e Consello de Sección para o estudo e resolución das solicitudes de proxectos de financiamento que se soliciten a Coop57 GZ a partir de agora por parte das súas socias de servizos.
Lembrar que, a nivel estatal, Coop57 superou en Outubro de 2008 os 300 proxectos sociais financiados a través da súa oferta de servizos financeiros éticos e solidarios. Así, desde 2005, concedéronse préstamos por valor de máis de 10 millóns de euros a proxectos da economía social e solidaria catalá, vinculados directamente á promoción do cooperativismo, á inserción laboral, a sustentabilidade ecolóxica, a cultura e a educación, ao asociacionismo e aos movementos sociais.
0 Comentarios. Deixa o teu.:
Publicar un comentario